26 oct 2011

Traballando no Arquivo

Este traballo é o resultado da colaboración entre o Arquivo do Reino de Galicia  e un Grupo de Traballo do CFR da Coruña, constituido por profesorado de xeografía e historia. O principal obxectivo da proposta era achegar os arquivos e as fontes primarias ao alumnado de Secundaria nun intento de concebir o coñecemento histórico como un proceso científico de análise e de interpretación do pasado.
Foron seleccionados 15 documentos históricos de diversa tipoloxía: Constitucións, grabados, pinturas, mapas, cartas, tratados, informes, etc., abarcando cronolóxicamente o período  comprendido entre a Guerra da Independencia (1808-1814) e o reinado de Fernando VII (1814-1833). O traballo pode quedar perfectamente integrado nas materias de Ciencias Sociais, Xeografía e  Historia de 4º curso de ESO, Historia do Mundo Contemporáneo e Historia de España de  1º e 2º cursos do Bacharelato, respectivamente.
O aproveitamento didáctico dos documentos seleccionados consistiu na elaboración dunha serie de fichas que responden a un esquema común: cuestionario de investigación, información sobre o contexto histórico no que se elaborou o documento, ilustracións orientativas e un  apartado de ampliación da  información.
Todo o material elaborado nesta publicación pode consultarse  accedendo ao enderezo web  http://sites.google.com/site/1808ad/ , creado para facilitar a consulta e o acceso a toda a información relacionada con esta proposta. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario